Inicio

 

Programa de Doutoramento en Tecnoloxía Aeroespacial: Enxeñarías Electromagnética, Electrónica, Informática e Mecánica

Benvidos á páxina web do Programa de Doutoramento en Tecnoloxía Aeroespacial: Enxeñarías Electromagnética, Electrónica, Informática e Mecánica pola Universidade de Extremadura e a Universidade de Vigo.

O programa de doutoramento responde a unha demanda do sistema de I+D+i tanto nacional como internacional, como é a de profesionais formados nos campos das tecnoloxías de aplicación aeroespacial, incluíndo as comunicacións por radio, integración de sistemas, así coma as enxeñarías electromagnética, mecánica, electrónica e informática.

O programa de doutoramento, configúrase agora polo tanto como unha conxunción de varios equipos de investigación cun obxectivo común, o desenvolvemento de tecnoloxía susceptible de ser empregada en proxectos aeroespaciais. Trátase dun ámbito formativo que pode considerarse estratéxico para a Universidade de Vigo, e que permite estender cara ao doutoramento o proxecto formativo en tecnoloxía espacial que se iniciou co lanzamento de Xatcobeo, o primeiro satélite galego, á vez que se orientan nun mesmo obxectivo diferentes grupos con gran experiencia previa en formación de doutoramento, como demostra o lanzamento recente dos satélites HUMSAT-D, SERPENS e LUME 1.

A relevancia destes desenvolvementos tecnolóxicos radica non só na súa posible aplicación aeroespacial, senón tamén noutros campos de aplicación que xorden na industria en sectores tan variados como as telecomunicacións, a automoción, o sector naval, as aplicacións biomédicas ou novos sistemas de produción industrial. Deste xeito, o presente doutoramento é unha excelente oportunidade para incorporar ao tecido industrial un novo perfil de profesionais cunha alta formación específica.